Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet
Dúbidas: Cambios na norma

Dúbidas

Esta páxina mudou de enderezo debido a que presenta dificultades para acceder a ela utilizando o Internet Explorer O novo enderezo é www.blogoteca.com/dubidas

02 abril 2006

Cambios na norma

Grupos -CC- e -CT-
Nestes grupos óptase por simplificalos sempre e cando vaian despois dun u ou dun i perdendo así a primeira consoante do grupo culto: condutor, ditadura... Con todo, hai palabras que poden presentar problemas de homonimia; nestes casos conservaríase o grupo culto: adicción. Tamén hai palabras que por seren pertencentes a linguaxes especializadas conservan o grupo culto: ficción, deíctico...
Palabras rematadas no sufixo -zo, -za:
Na nova normativa amplíase o grupo de palabras que teñen a terminación patrimonial -zo, -za, das que existía unha exhaustiva documentación histórica xa desde os escritos medievais. Recupéranse as formas esenciais e tradicionais do idioma: diferenza, espazo, estanza ("estrofa"), graza, licenza, nacenza, novizo, perseveranza, presenza, querenza, sentenza, servizo e terzo.
Os demostrativos neutros: isto , iso, aquilo.
Nas normas anteriores convivían os demostrativos esto, eso, aquelo e isto, iso, aquilo, pero recomendábanse as formas con i. Na normativa actual desaparecen as primeiras nun afán simplificador que responde ao uso extensivo das formas con i, especialmente na escrita.
A formación do feminino.
A nova normativa, nun intento unificador, acomoda ao esquema tradicional de formación do feminino (án/á) aquelas palabras que o construían co sufixo -ana (catalán, catalana; afgán, afgana...). Este cambio aféctalle ás formas: alemán, barregán, capitán, afgán, catalán, bosquimán, alazán, ermitán, escribán, gardián, musulmán, rufián, sanscristán, sultán e truán. Só as formas pexorativas e aumentativas conservan a terminación -ana: bocalán, bocalana. Simplifícanse, así mesmo, as posibilidades de formación do feminino das palabras rematadas en -ón. Na nova normativa aplícase o esquema -ón/-oa (león, leoa; anfitrión, anfitrioa...), agás nos aumentativos e formas pexorativas: abusón, abusona.
Adverbios e conxuncións.
Elimínanse as conxuncións e locucións conxuntivas: anque, nembargantes, sen embargo e entonces, ademais dos adverbios alomenos e entonces. Esta supresión responde a que moitas delas son consideradas formas non autóctonas ou a que son resultado de híbridos ou creacións vulgarizantes, como, por exemplo, nembargantes (non embargante).Incorpóranse ao idioma os adverbios alén e aquén, as conxuncións até que, no entanto e porén, tamén as locucións prepositivas e as preposicións: a respecto de, alén de, após, aquén de, até, canto a. Algunhas formas que se escribían separadas únese graficamente: apenas, amodo, devagar, talvez, decontado, acotío, enseguida, deseguido, decotío, deseguida, decontino e decotío.
Cambios na acentuación.
Un dos cambios ortográficos máis salientables que se incorporan na lingua é a acentuación esdrúxula da primeira e segunda persoas do plural no pretérito imperfecto de subxuntivo. Escribirase, entón, andásemos e andásedes e non *andasemos e *andasedes. No que respecta ao acento, deixa de ser obrigatoria a súa representación gráfica nos adverbios e pronomes interrogativos e exclamativos cando introducen unha oración interrogativa ou exclamativa indirecta. Só se poñerá o acento gráfico naqueles casos en que se poidan producir ambigüidades. Por regra xeral, non se acentuarán.
Os numerais.
Deglutínanse os numerais entre vinte e trinta: vinte e un, vinte e dous, vinte e tres...

Web Counter
hit Counter